Manifiesto por un cambio na protección legal da fotografía
Barcelona, mayo de 2008
Recentemente ditáronse en España unha serie de sentenzas que rexeitan a categoría de “obra orixinal” a fotografías realizadas por profesionais ou non, que interpretan a realidade nun estilo documental, recoñecéndolles a categoría inferior de “meras fotografías” con protección legal económica moi limitada e sen ningunha protección legal de dereitos morais, argumentando que non pode haber “arte” ou individualidade en canto se retrate a realidade como tal.
Mentres que o Tribunal Supremo protexe un folleto de instrucións de biombos de baño como obra literaria e a canción do verán, aínda que sexa elaborada cun ordenador, goza de plena protección legal como obra musical, en cambio rexeita á fotografía o carácter de “obra”, en canto carece, segundo valoracións subxectivas dalgúns xuíces, dun “plus” de creatividade.
España foi pioneira na protección legal da fotografía. Xa a Lei de Propiedade Intelectual de 1879 e o seu regulamento protexían expresamente a fotografía como “obra” orixinal, equiparándoa completamente ás outras obras “clásicas” literarias ou artísticas. A dual clasificación legal da fotografía como “obra” e “mera fotografía” foi introducida no ano 1987, ao aprobar a vixente Lei de Propiedade Intelectual. España seguiu, a diferenza da meirande maioría de países comunitarios, o exemplo de Austria e Alemaña. España perseguía con esta reforma legal o obxectivo de protexer con máis forza aínda a fotografía ante os novos avances tecnolóxicos. Este obxectivo traduciuse no contrario.
Os hábiles letrados dos que explotan abusivamente e sen licenza as nosas fotografías son os que descubriron na dobre protección legal da fotografía unha mina de ouro. Desde comezos do ano 2000, os seus clientes piratean as nosas fotografías e manipúlanas segundo o seu criterio e negan perante os Tribunais de forma categórica o seu carácter de “obra fotográfica”. A única consecuencia en caso de ser descubertos é pagar a mesma tarifa de quen honradamente solicita a licenza ao fotógrafo, o que se traduce, entre outros extremos, na perda do dereito a reclamar danos morais, etc.
Logo das últimas sentenzas de Audiencias Provinciais, que precisamente deron a razón a editoriais ou empresas que de forma masiva explotaron fotografías sen ningunha licenza e negaron o carácter de “obra” ás mesmas, argumentando que “só copian” a realidade, vémonos na necesidade de, ademais de constatar a discriminación da fotografía, loitar polo seu recoñecemento como disciplina creativa única.
Consecuentemente, manifestamos que:
· Todas as obras de creación intelectual deben ter perante a lei o mesmo grao de protección e de respecto independentemente de valoracións persoais subxectivas.
· Todas as artes, sexan as que foren, requiren unhas técnicas específicas en cada disciplina e é na utilización individualizada destas pautas creativas onde nace a orixinalidade e a creatividade específica de cada disciplina.
· Toda creación é a expresión dunha vontade libre. O fotógrafo, ao escoller o tema, o encadramento, a luz, o momento de disparo, o obxectivo, a sensibilidade, o formato da cámara, etc., interpreta dunha forma persoal a realidade, resultando unha obra orixinal e única. Ante o mesmo obxecto, nunca dous fotógrafos crearán imaxes idénticas. Polo tanto, toda imaxe fotográfica non só é nova, porque non hai outra igual, senón que tamén é persoal.
· Cando, segundo a lei vixente, as nosas fotografías son clasificadas como “meras fotografías”, o fotógrafo perde non só dereitos morais importantes (mención de autoría, protección ante a manipulación), senón que pasan a dominio público ao cabo de 25 anos de telas realizado. Deste xeito, o fotógrafo é o único creador que perde os dereitos das súas obras en vida, en beneficio de terceiros.
É por todo iso que os nosos obxectivos son:
- Condenar enerxicamente calquera forma de espolio ou de piratería cultural como unha actividade criminal que atenta contra o futuro profesional dos fotógrafos en España e infrinxe a Constitución española (Art. 20.1.b CE) e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (Art. 27.2) que protexen a creatividade.
- Solicitar ás autoridades competentes que se elimine da lei a dual protección e/ou clasificación da fotografía, coa finalidade de protexer a fotografía como obra de creación intelectual.
